CRTVG

Buscar

A OMS alerta dunha situación moi grave en Europa

Publicado o 17/09/2020 13:52

O coronavirus deixa xa case 30 millóns de persoas contaxiadas en todo o mundo. 

A Organización Mundial da Saúde alerta dunha situación moi grave en Europa provocada por unha pandemia que avanza por todas partes pero de maneira moi desigual. 

Brigadas de desinfección penteaban esta mañá as rúas da capital de Corea do Sur, que rexistrou nas últimas horas o número de contaxios máis baixo das últimas dúas semanas.

Todo o contrario acontece na capital de Indonesia, Xacarta, onde houbo que impor novas restricións e onde algúns cemiterios están ao límite da súa capacidade.

O coronavirus avanza polo mundo pero golpea de maneira moi desigual. Na Arxentina, ducias de persoas temen ser desaloxadas dos terreos privados que ocuparon ao quedaren sen traballo.

No veciño Brasil, o segundo país do mundo máis golpeado pola pandemia, presentouse onte o terceiro ministro de sanidade desde febreiro. Na súa toma de posesión, o presidente Bolsonaro, quen superou o coronavirus, defendeu de novo o uso da hidroxicloroquina para combater a enfermidade.

A situación preocupa tamén de novo en Europa, que rexistra agora máis contaxios por semana que durante o primeiro pico da pandemia. A OMS asegura que estamos diante dunha situación moi grave.

Noticias web

17/09/2020