CRTVG

Buscar

A NOSA, a Axencia Espacial Escolar Galega, celebra o seu cuarto congreso científico

Publicado o 10/02/2020 15:38

Os seis centros de ensino medio que forman a Axencia Espacial Escolar Galega voan cada vez máis alto. Este ano pretenden superar os 36.000 metros de altura e queren que todos poidamos facer con eles esa viaxe pola estratosfera grazas á tecnoloxía 3D. 

Así aterraba o 28 de maio pasado a sonda MarumaSat IV despois de tres horas de viaxe espacial na que chegou a preto de 36.000 metros de altura. Hoxe, os responsables desta aventura científica poñen en común no concreso anual da NOSA os logros da expedición e marcan os obxectivos para a que lanzarán este curso.

"Este ano creo que imos facer algo novo, sobre todo imos implementar a xeolocalización, ímola mellorar porque na sonda que lanzamos este maio pasado houbo percances, di Adrián Caamaño, alumno de bacharelato STEM e relator do IV Congreso NOSA". 

"Sempre vai algún sensor de ozono ou de medición de diferentes cuestión spara despois analizar, pero o obxectivo estrela, que é o que lle da nome a misión, é o de gravar en 360º todo o voo para despois poder editar un pequeno vídeo, unha viaxe virtual", di Raquel Veira, profesora de física do CPI O Cruce de Cerdeda.  

O obxectivo de fondo desta carreira estelar dos seis institutos que forman a NOSA, a Axencia Espacial Escolar Galega, é fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas. Neste sentido inciden ademais na fenda de xénero, recuperando a figura de astrónomas pioneiras como a ourensá Antonia Ferrín Moreiras.

"A min dáme ánimos ara nun futuro querer dedicarme ao que sempre soñei"di Iria Insua, a estudante de bacharelato que presenta a súa biografía da autora da primeira tese de doutoramento de astromía en España.

"Pensar que nós somos mínimos astrónomos, impresiona"recoñece Adrián, e di, ademais, que está seguro de que a experiencia de NOSA será fundamental na súa futura carreira científica. 

O próximo mes de maio estes novos astrónomos esperán chegar aínda máis alto coa súa nova sonda, a MarumaSat V.

Noticias web

10/02/2020