CRTVG

Buscar

A neve na rede viaria deixa sen clase 85 alumnos de 9 centros escolares da provincia de Lugo

Publicado o 08/11/2019 14:34

A presenza de neve na rede viaria da provincia de Lugo deixou este venres sen poder acudir ás aulas 85 alumnos de nove centros educativos de concellos lucenses, en dous dos cales se suspenderon as clases.

Así o indicaron fontes da Consellería de Educación a Europa Press, que sinalaron que se suspenderon as clases no CPI Poeta Uxío Novoneyra na localidade de Folgoso do Courel e no CPI Uxío Novoneira de Pedrafita do Cebreiro, con 28 e 32 estudantes afectados, respectivamente.

Os outros centros con escolares sen clase pola presenza de neve na rede viaria corresponden aos municipios lucenses de Baleira, Cervantes, O Incio, Navia de Suarna, As Nogais e Triacastela.

Desde a tarde deste xoves permanece activado o aviso amarelo na montaña de Lugo e de Ourense por acumulacións de neve superiores ao cinco centímetros.

Primeiras nevadas do ano

Chegan as primeiras nevadas á montaña luguesa e, canda ela, os medios de comunicación, a xiba das árbores e os peregrinos gratamente abraiados deste branco tan inmenso.

Para algúns a neve é gozo, para outros supón extremar as precaucións no traballo, coma para os repartidores do pan coma Tino, que vén dende Baralla e anda todas as aldeas da zona.

Na mesma tenda que Tino deixa o pan, atopamos manga e piña, froitas tropicais que non hai tanto raramente chegaban á Galicia da montaña, o mesmo que non hai tanto a neve era moito máis frecuente, densa, abundante e persistente. Cóntanolo Xerardo, xubilado natural de Doncos que emigrou a Bilbao de noviño.

Precisamente, Xerardo e Carmen marchan agora para Bilbao. Sara e o seu mozo, Martín, marchan para Madrid.

As previsións son que a neve vaia a menos.

Con todo, a neve manterase nos campos da montaña luguesa durante toda a fin de semana, un incentivo para que a xente se anime a visitar a zona.

Neve na montaña de Ourense

Na provincia de Ourense, non houbo complicacións de tráfico por mor da neve, pero algunhas estradas secundarias de montaña resultaron puntualmente afectadas ao longo da mañá. É o caso da estrada entre Montederramo e Chandrexa de Queixa, por riba dos mil metros de altitude.

A primeira nevarada da temporada deixou estampas bucólicas e imprevistas. Colleu por sorpresa o gando no monte, os cogomelos que asomaran animados por temperaturas máis cálidas, e a propia xente, abrumada pola caída repentina do termómetro.

A mínima de Galicia rexistrouse, unha vez máis, en Xares, no concello da Veiga. Menos catro graos de madrugada. Pero foron moitas as estacións meteorolóxicas da montaña de Lugo e Ourense que baixaron de cero graos, animando o consumo de leña e de pellets.

O aviso por neve levantábase ás doce do mediodía, pero as temperaturas continúan baixas.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí