CRTVG

Buscar

Desactivan a alerta, logo de quedaren 85 nenos sen escola pola neve

Publicado o 08/11/2019 19:31

Arestora xa está desactivado o aviso amarelo, e a cota de neve tende a subir. Aínda así, recoméndase seguir extremando as precaucións nas estradas. Pero a primeira nevada do outono deixou ata dez centímetros de neve na montaña luguesa, onde houbo restriccións para circular nalgunhas estradas e dous colexios non puideron abrir. 

Unha trintena de estradas da rede provincial de Lugo estiveron afectadas puntualmente polas nevaradas ao longo das últimas horas, na zona sur e de montaña. Tamén algunhas da montaña de Ourense, como a que une Chandrexa e Montederramo, por riba dos mil metros: "Conducir con precaución, cun coche axeitado, rodas axeitadas... E non hai problema".


O máis afectado, o transporte escolar, xa que 85 nenos quedaron sen colexio hoxe en Lugo e dous centros de primaria, o de Folgoso do Courel e o de Pedrafita, suspenderon as clases. A neve colleu tamén por sorpresa os peregrinos e visitantes: "Unha sensación moi rara. Nunca a tocara, e moi raro, como xeo, blandiño". "En Mallorca nevou algunha vez, pero como aquí non. É a primeira vez que o vexo así".

A mínima de Galicia rexistrouse, unha vez máis, en Xares, no concello ourensán da Veiga. Menos catro graos de madrugada. Pero foron moitas as estacións meteorolóxicas da montaña de Lugo e Ourense que baixaron de cero graos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/11/2019