CRTVG

Buscar

A negativa a recuar un muro mantén estreita unha estrada durante décadas en Bergondo

Publicado o 26/02/2021 12:21

A estrada que atravesa San Paio ten un paso estreito que recorta á metade o ancho da vía provincial entre Guísamo e Guiliade. É unha estreitura tan longa como o valado dunha quinta. O seu dono, segundo a denuncia dos veciños, válese de certificacións da Xunta para impedir a recuada do valo.

Pablo Santiso Vázquez, veciño de San Paio, cóntanos que a estrada non se dá ancheado por culpa de que o propietario asegura que ten uns magnolios que ten catalogados como centenarios. Con todo, segundo di, tanto as árbores coma un dos muros están aí "de hai poucos anos". 

Neste lugar de Bergondo senten que teñen un problema para a súa seguridade e a de quen circula por esta estrada utilizada non só por coches para atallar e de enlace coa autovía e coa N-VI. Non esquecen o accidente mortal do ano pasado.

Carme García Ruíz, unha das maiores do lugar, pregúntase se vale máis a vida dunha persoa ou unha parede. E Carlos Rilo Cacheiro, tamén veciño de San Paio, sinala que o muro foi feito de novo polo ano 1990, "alegal de todo". "A casa ampliárona catro veces máis do que era antes e que Patrimonio non fixo nada e agora está a protexer esa propiedade", engade.

Os veciños exhiben fotos da Vila Julia orixinal e considéranse vítimas dunha inxustiza administrativa por quen é o dono de Valdeameno.

"Un home que se apelida Bahamonde e que é sobriño neto de Francisco Franco", especifica Rilo.

Sandra Vázquez García pregúntase quen lle asina os papeis ao dono. "Quen llos asina é por enchufismo, pola familia que é", sentencia. 

Mentres, e a pesar de que a Deputación da Coruña quere ensanchar o tramo en San Paio, deben velarse dos vehículos cando camiñan entre a parte alta e a baixa do lugar.

Noticias web

26/02/2021