CRTVG

Buscar

A moción de censura de Vox vaise debater e votar os días 21 e 22 de outubro

Publicado o 12/10/2020 17:36
A moción de censura de Vox vaise debater e votar os días 21 e 22 de outubro

A presidenta do Congreso, Meritxell Batet, decidiu incluír o debate e a votación da moción de censura presentada por Vox nos plenos do 21 e 22 de outubro.

A moción de Vox está abocada ao fracaso porque non alcanzará a maioría absoluta necesaria; ningún grupo parlamentario avanzou que a vaia apoiar.

Polo momento, descoñécese se Batet comunicou xa a data ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e ao líder de Vox, Santiago Abascal.

O debate tería lugar coa cidade de Madrid baixo o estado de alarma decretado polo Goberno o pasado venres como medida contra a expansión do coronavirus.

A Mesa do Congreso, na súa reunión do pasado martes, comprobou que a moción cumpre os requisitos que a Constitución e o regulamento da Cámara establecen para que se tramite: asinárona unha décima parte dos deputados da Cámara (Vox ten 52) e Abascal figura como candidato á Presidencia.

As intencións de Vox consisten en que sexa o deputado por Barcelona Ignacio Garriga quen a defenda, de modo que será logo o propio Abascal o que tome a palabra para expoñer cal será o seu proxecto de goberno.

O regulamento perfila a secuencia posterior: haberá unha interrupción e, tras ela, intervirá un representante de cada grupo parlamentario durante 30 minutos.

A Presidencia do Congreso é quen fixa a hora da votación; as fontes apuntan a que será o 22 de outubro con toda probabilidade.

Votarase entón a quinta moción de censura da democracia, das que só unha frutificou: a que deu a Presidencia ao candidato socialista, Pedro Sánchez, en detrimento de Mariano Rajoy. Ocorreu o 1 de xuño de 2018. Obtivo a maioría absoluta necesaria (180 votos a favor) grazas en gran medida á posición do PNV, que en poucos días pasou de salvar os orzamentos xerais do Estado (aínda vixentes) a facilitar que o PP abandonase o Executivo.

As catro anteriores non correron a mesma sorte: Felipe González non puido desbancar a Adolfo Suárez en 1980, da mesma forma que Hernández Mancha, de Alianza Popular, non puido con González en 1987. Tampouco logrou éxito o líder de Podemos, Pablo Iglesias, cando en xuño de 2017 tentou acabar co Goberno de Rajoy.

Nada indica que a moción de Vox poña fin ao Goberno de coalición de PSOE e Unidas Podemos, xa que ningún grupo ten previsto darlle o seu respaldo. O PP deixou claro que non votará a favor. Nin co "si" dos populares a iniciativa de Abascal sairía adiante porque queda lonxe aínda do limiar de 176 votos requirido, o da maioría absoluta do Congreso.