CRTVG

Buscar

A mesa de Alcoa inclúe os traballadores de Alu Ibérica, que abandonan o peche no Concello da Coruña

Publicado o 03/06/2020 22:59
A mesa de Alcoa inclúe os traballadores de Alu Ibérica, que abandonan o peche no Concello da Coruña

O comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña levantou pasadas as dez da noite deste mércores o peche que iniciara pola mañá tras negociar co secretario xeral de Industria, Raúl Blanco, a convocatoria de dúas reunións por videoconferencia para tratar o futuro da fábrica.

O presidente do comité coruñés, Juan Carlos López Corbacho, expresou a súa satisfacción por ambas as reunións, que comezarán este venres pola mañá cos comités de empresa da Coruña e Avilés co Ministerio para lle explicaren a situación en planta e preparar o seguinte encontro para o 9 de xuño.

Nesa reunión, fixada para as seis e media da tarde, detallou Corbacho, están convocadas Industria, a Xunta e o Principado de Asturias, os comités de empresa e os sindicatos, e tamén Alcoa e Parter. "Esperamos que sexa unha reunión executiva, para tomar decisións e poñer a andar o proxecto que nos prometeron", abundou o presidente do comité da Coruña, porque "se non é así, que saiban que imos loitar ata o final", advertiu.

Os integrantes do comité coruñés abandonaron o Palacio Municipal de María Pita ante a alcaldesa da cidade, Inés Rey, á que agradeceron a súa mediación. "Se estamos nisto xuntos vemos que as cousas empezan a funcionar", dixo Corbacho á rexedora, que á súa vez os despediu con aplausos.

En todo caso, o comité de empresa da Coruña mantén a concentración do sábado para reivindicar "pacificamente" que seguirán "loitando para ter solucións cada día máis preto".