CRTVG

Buscar

A mellor escola de España está no rural de Tui

Publicado o 23/10/2020 15:17

A mellor escola de España está en Tui. Falamos do colexio rural agrupado Mestra Clara Torres, premiado pola Fundación Princesa de Xirona. Imos ver cal é o seu segredo.

A mellor escola de España é pública, rural e galega. Chámase Mestra Clara Torres e agrupa 6 aulas infantís repartidas por diferentes aldeas de Tui.

Teresa Domínguez Pérez, directora do CRA Mestra Clara Torres: "Na nosa escola non hai corredores, temos pistas e estradas plas parroquias para comunicar o centro. Todo o profesorado é itinerante".

Buscan que a escola compense as desigualdades entre alumnos cun programa educativo cheo de sorpresas, desde unha radio itinerante a unha canle de cociña en Internet. O seu segredo resúmese nunha palabra, compromiso.

Teresa Domínguez Pérez, directora do CRA Mestra Clara Torres: "Compromiso coa comunidade rural, coa cidadanía, coas accións solidarias e coa formación permanente do profesorado".

Implícanse os profesores e as familias, pero tamén os veciños da zona, que participan da educación dos 76 pequenos. Un modelo de éxito coa matrícula aberta a novos alumnos.

Teresa Domínguez Pérez, directora do CRA Mestra Clara Torres: "Poderiamos recibir moitos máis nenos. De feito, o CRA Maestra Clara Torres tivo no seu momento 13 unidades e 176 nenos e nenas".

Orgullosos do premio acadado, dedícanllelo a todos os que, coma eles, loitan por un ensino de calidade no rural do país.

Noticias web

23/10/2020