A máscara será obrigatoria e haberá control de acceso no inicio do curso na USC
A Universidade de Santiago comeza o 21 de setembro a actividade cun protocolo de 'normalidade', pero prevendo dous escenarios máis complexos
O inicio do curso do 21 de setembro na universidade vai ser inédito. A imaxe será ben semellante á que vimos o mes pasado nas probas da ABAU.
"Imos funcionar coa máxima normalidade. Van ter que utilizar máscara e vai haber un control dos accesos e asistencia porque necesitamos saber quen está e onde en cada momento para que en caso de que haxa algún contaxio poder acoutar o rastrexo", comenta Antonio López, reitor da USC.
Tres escenarios dependendo da situación da pandemia
Ese é o primeiro escenario, o da 'normalidade', pero a Universidade de Santiago ten previstos outros dous: un en que a situación se complique e haxa que limitar a asistencia e traballar nun réxime de semipresencialidade e outro, aínda máis grave, cun posible gromo que implicaría a suspensión da actividade docente. As rutinas, en tempos de coronavirus, non son estables.
"E, sobre todo, como evolucionen os contaxios e a pandemia, que pode facer que teñamos que cambiar de escenario", di Antonio López.
Por iso, as guías do centros están adaptadas para os tres escenarios previstos. Tamén se están instalando equipos e cámaras por se a situación se complica.
"Nós temos protocolos para o funcionamento das residencias, para o movemento dentro dos centros, nas bibliotecas, criterios para proceder cando se sospeite que unha persoa está contaxiada...", afirma Antonio López.
21 de setembro: inicio dun curso inédito pendente tamén da evolución da pandemia.