CRTVG

Buscar

Greta Thunberg vai encabezar a Marcha do Clima que apela á responsabilidade

Publicado o 06/12/2019 14:33

A Marcha polo Clima chega no ecuador da COP25, da Conferencia Internacional que reúne estes días en Madrid a autoridades mundiais e espacialistas na loita contra o quentamento global. A manifestación servirá de contrapunto ao programa oficial, centrado hoxe na protección dos océanos e na revolución dos transportes.

Chegada sorpresa de Greta Thunberg -en coche eléctrico- ao recinto do IFEMA, onde non a esperaban ata o luns. A activista polo clima máis importante do Planeta estará acompañada esta tarde en Madrid de centos de rapaces e rapazas dispostos a repetir a mesma mensaxe que a adolescente sueca deixou na súa chegada a Lisboa: toda unha xeración de xente nova mira fixamente aos adultos de hoxe para que lle deixemos un Planeta habitable.

Coa Marcha do Clima, que se agarda multitudinaria, da comezo o Cumio Social da COP. E o movemento mundial Fridays for Future, que puxo en marcha a propia Greta, cobra este venres un novo pulo no noso país.

É unha chamada de atención sobre as consecuencias do desxeo, sobre as secas que afectarán os máis vulnerables e provocarán grandes migracións por escaseza de auga e de alimentos en África; unha reflexión sobre a contaminación que cobra cada ano 7 millóns de mortes prematuras, ou sobre os fenómenos climáticos extremos e enormes incendios. Fenómenos que, segundo os expertos, traerán un enorme sufrimento se non se reducen canto antes as emisións de gases de efecto invernadeiro.

A marcha do Clima chega no Ecuador da COP25, no Día do Transporte, con ponentes analizando a revolución que ven ligada ao abandono dos combustibles fósiles e á descarbonización. O oscarizado Javier Bardem será o encargado de falar da protección dos océanos, nun foro que nos interpela para facernos reflexionar sobre os hábitos de consumo, os valores e o noso propio estilo de vida.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/12/2019