CRTVG

Buscar

A Manada podería sumar outro delito por gravar os vídeos da violación

Publicado o 29/10/2019 14:56

No caso da Manada aínda quedan cuestións por xulgar. Os cinco condenados por violación poderían ver incrementadas as suas penas se finalmente os tribunais consideran que cometeron un delito a maiores por gravar e difundir os vídeos.

Os maxistrados da Sección Segunda da Audiencia de Navarra terán que resolver se as gravacións realizadas polos membros da Manada o 7 de xullo de 2016 en Pamplona constitúen un delito contra a intimidade. Son varios vídeos, que suman en total 96 segundos de duración, que os cinco condenados divulgaron logo nas redes sociais.

Os tres maxistrados desta primeira instancia, responsables da polémica condena por abuso sexual que logo foi revisada polo Supremo, non entraron no seu día a valorar as probas practicadas en relación coas gravacións, pero hoxe, de acordo cos ditames do Tribunal Superior de Xustiza de Navarra e do Supremo, tiveron que reconsiderar a decisión e ter en conta as peticións que no seu día fixeran a fiscalía e a acusación particular.

Fixérono nunha vista a porta pechada coas acusacións e as defensas. A petición da fiscalía é que se condenen a dous anos e e dez meses de cárcere os dous autores das gravacións, mentres que a acusación particular demanda que se condenen os cinco por igual porque todos permitiron a gravación.

Espérase que a resolución da Audiencia se faga pública a próxima semana.

Noticias web

29/10/2019