CRTVG

Buscar

A maioría dos galegos cumpre co uso obrigatorio das máscaras malia que aínda non hai multas

Publicado o 21/05/2020 21:18

Cúmprese malia que, polo momento, non se está sancionando aos que non a levan. Segundo sinala o Ministerio de Interior, só se informará aos que incumpran a norma, pero nos próximos días poderían poñerse en marcha multas que oscilan entre os 600 e os 30.000 euros. En xeral a xente está concienciada e, neste primeiro día do uso obrigatorio en espazos públicos, incluídas as rúas, os galegos aprobamos con nota. 

Chegaron a ser un ben escaso pero despois de tanto demandalas, fabricalas e mesmo poñer o seu uso en dúbida xa non hai debate. As máscaras son, polo momento e desde hoxe, de uso obrigatorio en espazos pechados e públicos, incluídas as rúas, sempre e cando non sexa posible manter a distancia de seguridade. Os galegos, neste primeiro día, cumpriron coas máscaras. Vímolas desde á mañá á tardiña, en terrazas, paseos, comercios, cafés ... Nalgúns casos xa levábamos véndoas varios días

Vímolas en grandes e en pequenos, pequenos de máis de 6 anos. E cando non as vimos, houbo que preguntar por que.

As persoas con problemas respiratorios están exentas do seu uso. Non así os que a deixaron atrás ou esqueceron que a norma comezaba hoxe.

Un despiste, polo momento, sen consecuencias. A Policía nestes días limítase a informar. En breve poderían comezar as sancións, que van desde os 600 aos 30.000 euros.







 

Noticias web

21/05/2020