CRTVG

Buscar

O debate de investidura de Juanma Moreno celebrarase o 15 e o 16 de xaneiro

Publicado o 10/01/2019 21:12

A sesión de investidura de Juanma Moreno celebrase o próximo martes e mércores. A presidenta do Parlamento de Andalucía propúxoo como candidato tras constatar que conta cos apoios suficientes para ser investido presidente. O PP fala dun cambio histórico e tranquilo. Os socialistas, con Susana Díaz como voceira, liderarán a oposición.

A sesión de investidura de Juanma Moreno celebrarase o próximo martes e mércores. O candidato do PP obterá a confianza do Parlamento na primeira votación. Os votos do seu partido, de Ciudadanos e de Vox suman a maioría absoluta necesaria. O PP fala dun cambio histórico e tranquilo, e defende a negociación para logralo.

Juan Marín será o vicepresidente do futuro Executivo, e Ciudadanos terá cinco das once consellerías, en que non prevé a de Familia, que esixe Vox.

Vox lémbralle a Ciudadanos que a súa ducia de deputados vai permitir que Juan Marín sexa vicepresidente da Junta mentres que eles van estar na oposición.

O PSOE, o partido con maior representación, renunciou a presentar a candidatura de Susana Díaz, unha vez constatado que Juanma Moreno ten os apoios necesarios grazas a un pacto que os socialistas auguran inestable.

Adelante Andalucía reclama para si o liderado da oposición. Argumentan que xa o fixeron na anterior lexislatura e van seguir nesta porque son a única formación coherente. Anuncian, ademais, que traballarán no Parlamento e tamén na rúa.

Casado di que non teñen nada de malo os compromisos adquiridos. Hoxe escoitamos as primeiras palabras do presidente do PP sobre os acordos con Ciudadanos e Vox para gobernar Andalucía. Pablo Casado reta a que alguén lle diga que teñen de malo os compromisos adquiridos e compáraos con algún dos asinados polo Goberno.

Feijóo di que o acordo en Andalucía é claro e transparente. O presidente da Xunta compara a inhibición de Ciudadanos co acordo entre o PP e Vox con quen quere "comer tortilla sen escachar os ovos". Alberto Núñez Feijóo asegura que o pacto dos populares é mais claro ca o de Pedro Sánchez cos independentistas. E di que haberá que seguilo, como no fútbol, "partido a partido".



 

Noticias web

10/01/2019