CRTVG

Buscar

A inflación modérase ao 0,1 % en setembro polo abaratamento da luz

Publicado o 11/10/2019 13:47
A inflación modérase ao 0,1 % en setembro polo abaratamento da luz

O índice de prezos de consumo (IPC) rexistrou un incremento interanual do 0,1 % en setembro, dúas décimas menos ca o mes anterior, ata marcar o nivel máis baixo en tres anos, debido principalmente ao abaratamento da electricidade.

O Instituto Nacional de Estatística (INE) confirmou este venres que son os prezos da vivenda (en que se inclúe a electricidade) os que maior influencia tiveron na moderación da inflación, ao experimentar un descenso do 4,8 %, un punto e medio máis acusado que o de agosto.

Tamén tirou á baixa da inflación o gasóleo para calefacción, que encareceu menos que hai un ano, así como o gas, cuxos prezos caeron mentres que un ano antes subían.

Os prezos do transporte tamén moderaron a inflación, aínda que en menor medida, ao manterse estables fronte á alza do 0,2 % de agosto, debido ao menor encarecemento dos carburantes e lubricantes, así como dos automóbiles.

Pola contra, o transporte de viaxeiros abaratouse este ano menos que o ano pasado.

Respecto aos alimentos e bebidas non alcohólicas, os seus prezos moderáronse unha décima ata crecer o 0,9 %, unha evolución na que destaca o abaratamento dos legumes, hortalizas, pan e cereais, fronte aos encarecementos do ano pasado, e a estabilidade do peixe e marisco, cuxos prezos subían hai un ano. En sentido contrario destaca a subida de prezos das froitas, fronte á baixada de 2018.

A inflación subxacente, é dicir, a que non ten en conta os elementos máis volátiles da cesta da compra (enerxía e alimentos frescos), situouse no 1 %, case un punto por encima do IPC xeral. Só no mes de maio, o IPC mantívose estable (0 %), fronte á caída do 0,1 % de agosto. Isto foi debido a que o encarecemento do vestido e calzado -polo inicio da tempada de inverno- e do transporte -polos carburantes- compensaron o abaratamento do lecer e cultura -polos menores prezos dos paquetes turísticos-, a vivenda -pola caída da electricidade- e os alimentos e bebidas.

De volta á taxa anual, o IPC rexistrou un comportamento á baixa en todas as comunidades autónomas -excepto nas Baleares e nas Canarias onde se mantivo-, marcando a maior variación da inflación en Estremadura, ao pasar da estabilidade para caer un 4 %.

En canto ao índice de prezos de consumo harmonizado (IPCA) -que permite realizar comparacións internacionais- situouse no 0,2 %, dúas décimas por baixo do mes anterior. A variación mensual do IPCA foi do 0,4 %.

En Galicia os prezos mantiéronse sen variación no mes de setembro, mentres que se botamos unha ollada aos últimos doce meses o incremento é do 0,2%, un incrementon interanual dunha décima máis que no conxunto do Estado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí