CRTVG

Buscar

A Generalitat confina máis de 200.000 persoas en Lleida polos rebrotes

Publicado o 04/07/2020 16:48

No conxunto de España hai uns 60 brotes de coronavirus, algúns xa controlados, e 43 activos. Andalucía e Cataluña son as comunidades con máis focos. O de LLeida, cuns 365 positivos máis nunha semana, levou a Generalitat a confinar desde este mediodía 38 municipios da comarca de El Segrià. Non se poderá entrar nin saír dese territorio nin manter reunións de máis de dez persoas. As autoridades sanitarias tamén seguen pendentes dos brotes de Aragón, Andalucía e Madrid.

A situación dos brotes de coronavirus en LLeida non mellora... Na rexión de El Segrià notificáronse na última semana uns 365 novos casos positivos, o dobre que na anterior. A progresión do número de contaxios levou a Generalitat a tomar hoxe esta medida: o "confinamento perimetral" de 38 municipios, o que afecta a máis de 200.000 persoas. Ese confinamento perimetral comezou ás doce do mediodía. Anunciouno Quim Torra, tras a reunión do Comité Técnico do Plan Territorial de Protección Civil de Cataluña.

Quedan, por tanto, restrinxidas as entradas e as saídas dese territorio e prohíbense as reunións de máis de dez personas, en espazos privados e públicos. Pídelles aos veciños que atrasen os "encontros sociais masivos" que tivesen planificados.

As medidas acordadas polo Govern instan, ademais, as personas maiores e máis vulnerables a permanecer confinadas nos seus domicilios, de xeito que saian só para o "absolutamente imprescindible", din desde a Generalitat. En toda Cataluña hai 9 brotes.

Na fronteira con LLeida preocupan os brotes de Aragón, tamén relacionados cos focos en matadoiros e en empresas de recollida de froitas e verduras en Zaidín (Huesca) e Zaragoza. Hai uns 369 contaxios.

Andalucía é a comunidade con máis brotes. Ten 13 focos activos en Granada, Málaga, Cádiz, Huelva e Almería.
O máis preocupante é o orixinado nun centro de acollida da Cruz Vermella en Málaga. Detectáronse 105 positivos. En Granada hai xa 8 brotes e 115 casos.

As autoridades sanitarias seguen moi pendentes do brote na Comunidade de Madrid, que notificaba onte 5 casos leves nunha mesma empresa, e que dan por controlado.
O ministerio de Sanidade non actualizará ata o luns os datos de contaxios e falecementos. A última cifra oficial fala de 250.545 contaxios totais e 28.385 vítimas mortais.

 

 

Noticias web

04/07/2020