CRTVG

Buscar

Salta o confinamento para viaxar e case que leva a casa con ela

Publicado o 03/04/2020 17:16

A Garda Civil, no marco dos controis que vén realizando para garantir o cumprimento das restricións na mobilidade, interceptou un turismo cunha carga ocupaba totalmente o interior do vehículo.

Unha patrulla da Garda Civil que estaba realizando un control para verificar o cumprimento das restricións durante o estado de alarma no quilómetro 507, en sentido a Madrid, da autovía A-6, observou como en dirección á Coruña circulaba un turismo en que apreciaron claramente que o habitáculo destinado para o transporte de persoas estaba cheo de bolsas e outras cousas.

Os gardas civís realizaron de inmediato un cambio de sentido e trataron de localizar o vehículo, interceptándoo á altura do quilómetro 517 da A-6. Nese momento os axentes constataron que, salvo no espazo reservado para o condutor, o interior do vehículo estaba repleto de cousas,bolsas, mochilas, maletas e embalaxes.

A cantidade e distribución de toda a carga constituía un grave risco para a seguridade viaria, ao comprometer a integridade da súa condutora e única ocupante, que ao parecer limitaba a súa propia liberdade de movementos, impedindo o adecuado uso dos espellos retrovisores, así como a propia estabilidade do vehículo.

A patrulla púxolle unha denuncia por suposta infracción ao Regulamento Xeral de Circulación, e auxiliárona para realizar o cambio dacarga a outro vehículo, para que ambos puidesen circular sen contravir a normativa e sen risco para a súa seguridade.

A muller contoulles aos axentes da Garda Civil que a súa intención era desprazarse á costa galega, desde o centro da península. Para esta viaxe adquirira o automóbil en que viaxaba. Foi entón cando os axentes lle puxeron unha segunda denuncia por incumprir as restricións á circulación establecidas durante o estado de alarma vixente, ao non estaren as motivacións alegadas entre as excepcións previstas.