CRTVG

Buscar

A Garda Civil rexistra en Fornelos a vivenda dos líderes de Resistencia Galega

Publicado o 22/06/2019 09:12

Pouco antes das oito desta mañá, efectivos da Garda Civil comezaron o rexistro da vivenda onde se agochaban os dous membros de Resistencia Galega antes da súa detención o domingo 16 de xuño. Antón García Matos, o prófugo máis buscado de España, e a súa compañeira, Asunción Losada Camba, supostamente utilizaron esa casa como refuxio tras regresaren de Venezuela.

A parella detida estivo presente nesta intervención, pero as fortes medidas de seguridade ás que obrigan os protocolos da loita antiterrorista fan que de momento non se coñezan máis detalles deste rexistro. 

Antón García Matos, alias Toninho, e Asunción Losada Camba chegaron ao rexistro contra as oito da mañá rodeados de fortes medidas de seguridade e acompañados dos seus avogados. Os líderes de Resistencia Galega vivían desde hai catro anos nesta casa de aldea, rodeados de monte, sen auga e sen luz.

Estaban integrados na comunidade e facían vida cos veciños. As forzas de seguridade vincúlanos cos atentados contra a sede do PP en Ordes en 2010 e contra o Concello de Baralla, gobernado polos populares, en 2014. Levaban 13 anos fuxidos.