CRTVG

Buscar

A Garda Civil libera 344 vítimas da trata laboral

Publicado o 22/08/2020 13:34


No último ano e medio a Garda Civil realizou 55 operacións contra a trata de persoas con fins de explotación laboral que permitiron a detención de 119 persoas e lograron liberar 344 vítimas, que traballaban de sol a sol, vivían en condicións infrahumanas e controladas por redes que quedaban coa case totalidade do seu salario.

Malia que as cifras desta trata en España son inferiores ás da explotación sexual, as forzas de seguridade intensifican as dilixencias para poñerlle freo a unha actividade que somete centos de traballadores a unha situación de semiescravitude. A UCO da Garda Civil realizou en seis meses dúas operacións importantes contra organizacións que explotaban laboralmente traballadores do leste de Europa, sobre todo de Moldavia, Romanía e Bulgaria.

As redes captan as vítimas para que traballen de xornaleiros nas campañas do amorodo en Huelva, da mandarina en Castelló, da froita de croia en Lleida ou as dos arandos e amorodos aquí en Galicia, onde diversificaron a produción algúns empresarios agrícolas onubenses.

Nalgúns casos vivían ata 25 persoas en tres cuartos cunha cociña común. E moitas veces son vítimas dunha trata dobre, xa que en ocasións as mulleres captadas tamén son explotadas sexualmente.



 

Noticias web

22/08/2020