CRTVG

Buscar

A Garda Civil desartella unha rede que introducía cocaína nas Canarias desde Huelva e Cádiz

Publicado o 08/08/2020 10:41


Axentes da Garda Civil desmantelaron unha organización que transportaba cocaína ás Canarias desde os portos de Huelva e Cádiz coa utilización de vehículos con dobres fondos. A denominada operación "Ornitorrinco" comezou en maio e permitiu a detención de dez persoas. Os investigadores comprobaron que os integrantes do grupo realizaron desde 2019 numerosos traxectos nos barcos das navieiras que parten desde Huelva e Cádiz,con destino principalmente a Santa Cruz de Tenerife.

A rede dispuña dunha consolidada estrutura loxística con vehículos, especialmente furgóns e condutores fixos que cambiaban os coches para obstaculizar os seguimentos. Os vehículos chegaban á península desde Canarias para cargar a droga en Marbella e regresar ao arquipélago. Os axentes interceptaron dous furgóns, un en maio con 37 quilos de cocaína e outro en xuño con 19 quilos. Nos rexistros tamén se logrou intervir 400.000 euros, armas, silenciadores, munición, documentación falsificada, xoias, reloxos de luxo documentación e vehículos, algúns de alta gama. Tamén se lle incautaron outros 19 quilos de cocaína no dobre fondo do maleteiro dun turismo do líder da organización, xa dispostos para envialos a Canarias.



 

Noticias web

08/08/2020