CRTVG

Buscar

A fuxida ás segundas residencias en Semana Santa: máis rumor que realidade

Publicado o 10/04/2020 08:52
A fuxida ás segundas residencias en Semana Santa: máis rumor que realidade

O recordo dos primeiros días da pandemia e dos miles de desprazamentos de cidadáns ás segundas residencias espertouse este mércores nas mentes, e nos móbiles, de moitos ante unha suposta nova fuxida por Semana Santa, pero en realidade os desprazamentos foron minoritarios.

Así o testemuñan os alcaldes de localidades que adoitan recibir importantes fluxos de visitantes durante as fins de semana ou período vacacionais, moitas dos cales se blindaron ante unha posible nova invasión. "Casos illados", é a resposta máis común entre os alcaldes consultados por Efe.

A mensaxe coincide co da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), que tanto o mércores coma onte subliñou que non hai desprazamentos masivos, nin sequera relevantes, ás segundas residencias. O que houbo ambos os días foron retencións en autovías motivadas polos controis de Tráfico, intensificados precisamente para evitar eses desprazamentos.

O mércores, a Garda Civil impuxo 3.090 sancións, aínda que non se especificou cantas delas castigaban as viaxes a outras localidades.

As imaxes dos atascos que voaron de teléfono en teléfono por redes sociais axudaron a incrementar o temor e a alarma. Este xoves, o conselleiro de Sanidade de Castela-A Mancha, Jesús Fernández Sanz, rogaba en conferencia de prensa que se respectase o confinamento, consciente da influencia que tivo o tránsito de madrileños na expansión do coronavirus na súa comunidade.

Unha mensaxe parecida á que enviou o vicepresidente e portavoz da Junta de Castela e León, Francisco Igea. Máis aló foron en Torrox (Málaga), onde, segundo o seu alcalde, mesmo pretendían mobilizar a UME para selar a localidade.

Tamén alertou o presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón, que asegurou que ao Goberno autonómico non deixan de chegarlle mensaxes de veciños dos municipios máis turísticos denunciando "a chegada de persoas de fóra de Asturias".

E desprazamentos houbo. En Alacante localizaron persoas recentemente chegadas de Madrid, Guadalaxara, Valladolid e mesmo de Alemaña. Pero son decenas, non miles.

Máis alboroto organizou un home que en Torrevieja se gravou en vídeo asegurando que viaxara de Madrid coma outros 4.000 turistas máis e que estaba infectado coa COVID-19. En realidade, leva vivindo desde xaneiro nesa localidade e, tras ser detido, afirmou que todo era unha broma.

Os controis establecidos nas estradas das Rías Baixas e da Mariña lucense, onde adoita producirse un fluxo importante de visitantes en época vacacional e pola existencia de segundas residencias, constataron que os condutores son maioritariamente xente que reside nesas zonas.

Tampouco nas zonas costeiras de Valencia ou de Castelló houbo invasión. Si que chegou xente e impuxéronse sancións, pero non de maneira "masiva nin alarmante", segundo comunicaron responsables municipais de municipios como Cullera, Oliva, Tavernes da Valldigna, Benicàssim,  Almassora ou Burriana, entre outros.

En Murcia, a autonomía que máis se queixou ao comezo da pandemia da chegada de turistas ás súas costas traendo consigo os primeiros contaxios, apenas chegou xente estes días ás súas segundas residencias do Mar Menor, Mazarrón ou Águilas, segundo confirmaron diversos alcaldes da zona.

Tampouco en Noja ou en Laredo, localidades cántabras con múltiples segundas residencias, moitas delas de cidadáns vascos, se detectou esa chegada. A conselleira de Seguridade do Goberno vasco, Estefanía Beltrán de Heredia, informou de que o mércores se interceptaron nos controis policiais 6.000 vehículos e identificáronse 2.000 persoas.

Noutro dos tradicionais focos de grandes desprazamentos, a serra de Madrid, só en Miraflores,  Guadarrama ou Cercedilla perciben máis movemento en supermercados ou máis coches aparcados, porque na estrada non se apreciou un tránsito maior e as rúas seguen baleiras.

E en Chiclana (Cádiz), só sete dos 350 vehículos interceptados o xoves á mañá pola Policía Local foron denunciados por dirixirse a segundas residencias, co que tamén neste caso o Concello descartou que se estea producindo a chegada masiva de turistas estes días de Semana Santa.