CRTVG

Buscar

A Fiscalía pide 26 anos de cárcere para o xefe da Carioca por outro caso

Publicado o 09/11/2020 09:47
A Fiscalía pide 26 anos de cárcere para o xefe da Carioca por outro caso

O ministerio fiscal solicita unha pena de 26 anos de cárcere para José Manuel García Adán, detido no marco da Operación Carioca como suposto xefe dunha rede de prostitución.

O xuízo celebrarase esta semana e a próxima na Audiencia Provincial de Lugo en relación coa peza relativa ao club Eros.

O fiscal impútalle a García Adán, que cumpre condena en prisión por outra causa, os delitos de inmigración ilegal, prostitución, contra os dereitos dos traballadores e posesión ilícita de armas.

Segundo o escrito de acusación, o administrador e propietario do club Eros contactaba con mulleres estranxeiras en situación económica moi precaria e pagáballes a viaxe a España, onde as obrigaba a prostituírse nos seus locais.

Por iso, o ministerio público tamén pide que o acusado lles aboe ás cinco mulleres que figuran neste proceso como testemuñas protexidas, e ás que supostamente García Adán obrigaba a prostituírse no seu bordel, indemnizacións de entre 3.000 e 4.000 euros.

O xuízo realizarase entre os días 11 e 13 de novembro, aínda que está previsto que continúe os días 16 e 18, a próxima semana. Os feitos que serán xulgados remóntanse ao período comprendido entre os anos 2006 e 2009.

O fiscal mantén que as mulleres obrigadas a prostituírse aturaban unhas condicións moi duras, dado que “carecían de calquera dereito inherente á actividade laboral, ao non teren contrato de traballo nin seguros médicos. Descansaban unicamente un día á semana” e “en caso de chegaren tarde ou de ausencia”, impoñíaselles “unha multa”.

“Durante a  menstruación” podían descansar “tres ou catro” xornadas, pero “o resto de días” víanse obrigadas a traballar”, para o que utilizaban “se era necesario, esponxas vaxinais que vendían no club”.

Ademais, durante a entrada e rexistro no club Eros e no domicilio do acusado, decretada o 16 de outubro de 2009 polo Xulgado de Instrución número 1, foron achadas por parte dos axentes encargados da operación dúas pistolas con munición.

Máis sobre Lugo