CRTVG

Buscar

A Federación Galega considera "inasumible" facer tests en todos os partidos

Publicado o 01/09/2020 20:13

Moitas dúbidas rodean o inicio das competicións. Incerteza sobre as datas, os protocolos, sobre cantos tests PCR van ser precisos e sobre todo, quen os vai pagar. Rafael Louzán, presidente da Federación Galega de fútbol, explica que "facelo en todos os partidos da competición, 48 horas antes, estamos a falar dun custo aproximado duns 12 millóns de euros, o cal é inasumible evidentemente para os clubs, nin para a Real Federación Española, nin para as federacións territoriais"

O que si está claro é que a nova temporada pode empezar con público nos estadios. O protocolo da Xunta fala de 1.000 espectadores nos eventos deportivos ao aire libre, pero a Federación aspira a que sexan máis.

"Galicia, xa traslada e xa pediu que haxa un protocolo de porcentaxe en función do número de localidades que teña cada un destes campos, se en Riazor aplicásemos unha porcentaxe dun 30 ou un 40 por cento de público sobre unha capacidade total de 30.000 seareiros estariamos falando dunha porcentaxe moi razoable", apunta Louzán.

Tamén podería haber novidades no tocante ao retorno á competición do fútbol sala e do fútbol feminino, previsto, en principio para o 18 de outubro.

"Se hai un consenso e hai unanimidade por parte de todos os clubs da Primeira División feminina e tamén da Primeira División masculina e feminina de fútbol sala, comezaría o día 4 de outubro", conclúe o presidente da Federación Galega.

Noticias web

01/09/2020