CRTVG

Buscar

A farmacéutica Moderna anuncia que a súa vacina ten preto dun 95 % de efectividade

Publicado o 16/11/2020 15:13

Os avances nas vacinas contra a covid−19 volven dar boas noticias. A estadounidense Moderna anunciou nun comunicado que a súa vacina, en etapa experimental, conta cunha eficacia do 95 %, unha cifra incluso maior que a de Pfizer, de 90 %.

Na nota, a compañía afirma que é un "gran día" na loita contra o coronavirus, di que cumpriu cos criterios establecidos no protocolo para estudar a eficacia da vacina e que nos próximos días presentará a documentación para a súa aprobación definitiva.

O estudo, coñecido como estudo COVE, recrutou a máis de 30.000 participantes nos EUA e realizouse, di o comunicado, de acordo co Instituto Nacional de Alerxias e Enfermidades Infecciosas (NIAID) e os institutos de saúde dos Estados Unidos, parte dos Institutos Nacionais de Saúde (NIH) e o Instituto Biomédico.

Un dato positivo da información compartida por Moderna sobre a vacina é que a mostraxe de xente no estudo é ampla e diversa. Entre esas 30.000 persoas, 7.000 son maiores de 65 con enfermidades crónicas. "Estes grupos de alto risco representan o 42 % dos participantes totais na Fase 3" do estudo, explica o comunicado.

Os resultados chegan inmediatamente despois de resultados similares de Pfizer e aumentan a confianza en que as vacinas poden axudar a poñer fin á pandemia. Ademais, aseguran que cumpre os criterios de eficacia esixidos para a comercialización.