CRTVG

Buscar

Os Franco depositan as chaves de Meirás no xulgado un día antes da entrega

Publicado o 09/12/2020 21:31

Os Franco depositaron no Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, para a súa entrega ao Estado, as chaves do pazo de Meirás un día antes de que se proceda á súa entrega, segundo consta nun escrito que remitiron ao dito xulgado este mércores.

Fano despois de que este acordase, a pedimento do Estado, a execución provisional da sentenza que os condenou á devolución do inmoble, unha decisión contra a que os Franco presentaron recurso ante a Audiencia Provincial da Coruña.

A entrega das chaves produciuse o mesmo día que a vicepresidenta primeira do Goberno, Carmen Calvo, mantivo un encontro co presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, o titular da Deputación coruñesa Valentín González Formoso e o alcalde de Sada Benito Portela para definir os usos e a xestión do pazo.

A reunión, na Delegación do Goberno en Galicia, contou tamén coa presenza da alcaldesa herculina Inés Rey e o delegado do Goberno Javier Losada. Aínda que con vontade de traballar "xuntos" e cooperar nos usos e xestión, á espera dunha sentenza definitiva, o Goberno incidiu en contar a "verdade" de Meirás e na recuperación da memoria democrática, e en reivindicar, ademais, a figura de Pardo Bazán.

"Tamén durante moitos anos estivo no palacio do Pardo, e non se dedicou só á memoria histórica", argumentou, a preguntas dos xornalistas, o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, en referencia a Franco e a este inmoble. E é que, no seu caso, cualificou de "fundamental" converter o pazo de Meirás nun "faro da igualdade", en alusión á súa primeira propietaria, a escritora Emilia Pardo Bazán, "sen ignorar" que foi residencia de verán do ditador.

O encontro entre as administracións celebrouse un día antes de que, de acordo coa data fixada polo xulgado, o Estado reciba, de forma provisional —condición tamén en que será depositario dos bens ata que non haxa unha sentenza definiiva—, o inmoble tras 82 anos en posesión dos Franco.

En concreto, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a comitiva xudicial chegará ao pazo ás 11:00 horas. Tamén está citado o equipo de técnicos da Xunta que realizou o inventario. Estará presente porque, antes da sinatura do documento en que se formaliza a entrega do inmoble, prevista para as 12:30 horas, verificará que os bens que se relacionan no citado informe están no mesmo estado que cando se fixo a inspección ocular.

Á sinatura do documento asistirán a avogada xeral do Estado Consuelo Castro e a subsecretaria do Ministerio de Facenda María Pilar Paneque.

Noticias web

09/12/2020