CRTVG

Buscar

A familia da vítima do crime da Esmorga quere que os condenados ingresen en prisión

Publicado o 13/12/2019 14:08

A familia do mozo romanés asasinado no Carballiño hai cinco anos vai solicitar o ingreso en prisión dous dous condenados a 16 anos de cárcere como responsables da súa morte. Consideran que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia incrementa o risco de fuga. O recurso dos acusados perante o Supremo podería dilatar, polo menos, un ano máis a resolución do caso.

A nai da vítima do chamado crime da Esmorga quere que este proceso remate canto antes e os asasinos do seu fillo paguen polo que fixeron. Un 20 de decembro de hai 5 anos asasinaron o seu fillo. Tiña 22 anos. Saíra de festa. Déronlle unha malleira e guindárono, aínda vivo, á canle dun encoro onde faleceu afogado.

A audiencia de Ourense condenou os dous responsables a 16 anos de prisión. Recorreron perante o Tribunal Superior de Xustiza que ratificou esta pena. Pero os acusados non están de acordo e acudirán ao Supremo.

Con dúas sentenzas condenatorias a acusación considera que os condenados deben ingresar xa en prisión, sen agardar a resolución do Supremo, algo ao que se opoñen as defensas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/12/2019