CRTVG

Buscar

A familia da muller asasinada en Becerreá reclama cambios na Casa da Muller de Lugo

Publicado o 12/11/2020 15:18

A familia dunha muller asasinada hai 4 anos en Becerreá pídelle responsabilidades ao Concello de Lugo. Din que a vítima acudira en dúas ocasións á Casa da Muller e que a atención foi deficiente, polo que reclaman máis medios para este servizo.

Martina perdeu a súa irmá hai catro anos, asasinada a mans da súa parella. O home foi condenado a 25 anos de prisión, pero a loita da familia por defender a memoria da vítima non cesa.

Agora presentaron unha reclamación ante o Concello de Lugo. Cren que Ana Gómez non foi ben atendida na Casa da Muller, á que acudiu en dúas ocasións e reclaman medidas.

"Sabendo que era un caso de alto risco, que xa a ameazara cunha arma e que a arma seguía na vivenda a modo de ameaza, tardaron 22 días en darlle cita. Alegaron que había persoal de vacacións, de baixa, e que era Entroido, e isto con mulleres de alto risco non se pode consentir", di Martina Gómez, irmá da muller asasinada en Becerreá.

Piden máis recursos e persoal especializado e que a Casa da Muller teña un servizo de garda permanente.

Ana Torrón, voceira da Plataforma Feminista de Lugo, di que "depende de todos e da vontade política, sobre todo. Esperamos que o Concello tome medidas e corrixa as deficiencias porque se seguiu o protocolo e o resultado foi o que foi, está claro que o protocolo non funciona".

"Isto non se pode repetir, a miña irmá non ma van devolver, pero temos o deber de conseguir que isto funcione de verdade", engade Martina Gómez.

Dende o Concello sinalan que estudarán a reclamación presentada, pero negan calquera neglixencia.

Din que, a pesar de ser un servizo municipal, atenderon segundo os protocolos a vítima e lembran que a Casa da Muller é un servizo de asesoramento e que o paso máis importante é presentar denuncia ante os corpos de seguridade.

Noticias web

12/11/2020