CRTVG

Buscar

A exportación amorteceu a caída de vendas de Rías Baixas en 2020

Publicado o 25/02/2021 08:53

As adegas acollidas á denominación Rías Baixas teñen na hostalería a comercialización do 62 % do viño. As limitacións pola pandemia alteraron a evolución das vendas nos últimos once meses, en que houbo dous con resultado moi bo.

Ramón Huidobro Vega, secretario xeral do Consello Regulador da D. O. Rías Baixas: "No mes de agosto do ano pasado vendemos máis viño que en agosto de 2019. No mes de decembro tamén comercializamos máis viño que en decembro de 2019. E curiosamente a un de xaneiro de 2021 tiñamos menos viño nas bodegas que xusto un ano antes. Significa que a pesar da situación crítica que xerou a crise sanitaria, as bodegas fixeron un traballo extraordinario".

Refírese Huidobro ao esmero no produto e na marca e tamén á exportación, que consome preto dun terzo da colleita. A última anada superou nun millón e medio de litros a do ano anterior.

Huidobro Vega di: "OP equilibrio entre exportación, con ese 33 % de vendas, e a diferenciación da calidade e de marca que teñen os viños Rías Baixas está axudando ou amortecendo se acaso a situación actual. A caída de 2020 respecto a 2019 foi do 11 %".

O estado económico das adegas é diverso e as máis prexudicadas precisarían axuda para manterse.

Noticias web

25/02/2021

Máis sobre actualidade