CRTVG

Buscar

A Eurocámara levanta a prohibición de acceso a Puigdemont e Comín

Publicado o 20/12/2019 10:42
A Eurocámara levanta a prohibición de acceso a Puigdemont e Comín

O Parlamento Europeo (PE) levantou este xoves a prohibición de acceso ao ex-presidente da Generalitat de Cataluña, Carles Puigdemont e ao ex-conselleiro catalán Toni Comín, segundo informaron fontes desa institución.

O pasado 15 de outubro, Puigdemont perdeu o seu acceso á sede do Parlamento Europeo, ao que podía acudir como convidado dun eurodeputado, como consecuencia da orde de detención (euroorden) activada un día antes pola xustiza española.

A pesar de seguir activada a euroorde, a institución decidiu levantar o veto de entrada a Puigdemont e Comín, tras a sentenza ditada hoxe polo Tribunal de Xustiza da UE, segundo a cal o líder de ERC, Oriol Junqueras, debería gozar de inmunidade como eurodeputado desde a proclamación dos resultados dos últimos comicios europeos.

Desde Bruxelas, Puigdemont dixo que a sentenza europea abre "novas oportunidades políticas" e que confía en que lles permita a el e ao seu ex-conselleiro Toni Comín recoller canto antes as súas credenciais como eurodeputados, xa que, do mesmo xeito que Junqueras, saíron elixidos nas eleccións europeas de maio.

O Parlamento Europeo activou a prohibición de acceso aos seus edificios para Puigdemont en outubro, despois de ter coñecemento da tramitación dunha nova euroorde, polos delitos de sedición e malversación, cursada polo maxistrado do Tribunal Supremo español Pablo Llarena.

A decisión foi idéntica á que xa tomou a Eurocámara en novembro de 2017 cando se estaba tramitando a primeira  euroorden contra Puigdemont, que fuxira a Bélxica a finais de outubro dese ano.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí