CRTVG

Buscar

A Eurocámara aproba as novas axudas para o sector pesqueiro

Publicado o 17/04/2020 21:08

O Parlamento Europeo aprobou este venres novas medidas para axudar os pescadores para paliar o impacto económico da pandemia, que inclúen apoios a quen deixou de faenar temporalmente e aos sectores da industria transformadora e do marisqueo. O pleno da Eurocámara avalou a modificación do Fondo Europeo Marítimo e Pesqueiro (FEMP) e a organización común de mercados do sector da pesca acordada esta semana polo Consello (países) da UE para facilitar a concesión de novos apoios ao sector. Eses cambios permitirán incluír aos mariscadores entre os beneficiarios das axudas por paradas temporais, como pedía España e compensar os pescadores das Illas Canarias. Tamén facilitarán unha asistencia financeira os acuicultores afectados pola suspensión ou redución da produción.

Outros beneficiados serán as organizacións de produtores, ao lograr axudas ao almacenamento temporal de produtos da pesca e a acuicultura e unha reatribución máis flexible dos fondos sectoriais nacionais. En particular aumentará o apoio ás organizacións ata un máximo do 12 % da media anual do valor da produción dos tres anos anteriores. Unha vez recibido o visto e prace do Consello, as medidas serán de aplicación retroactiva a partir do 1 de febreiro de 2020 e estarán en principio dispoñibles ata o 31 de decembro de 2020.

Noticias web

17/04/2020