CRTVG

Buscar

'A estiba', nova serie policial na Televisión de Galicia

Publicado o 24/06/2019 16:35

Será a primeira vez que unha serie da Televisión de Galicia centre a súa historia no traballo da Policía Nacional, e ademais, no traballo dunha muller policía. Manuela Fortes é a nova comisaria de A estiba.

"É unha muller, coma todos os seres humanos, con moitas complexidades, con moitas contradicións. Ela quere ser unha boa profesional entón, isto fai que moitas veces poña a lei por riba de moitas outras cousas", explica Melania Cruz, quen dá vida a Manuela Fortes.

Ardora podería ser calquera cidade portuaria de Galicia pero, polo porto de Ardora, ademais de mercadorías, tamén chegan os problemas. Ao tratarse dunha cidade, que podería ser a súa, e non dunha contorna rural, todo cambiará, pero a comisaria contará con axuda.

"Kubala é un inspector de Policía, da Comisaría de Ardora, da cidade de Ardora. Un policía cos principios moi claros e co nivel de xustiza moi elevado", di Héctor Carballo, Kubala en A estiba.

Os produtores da serie, responsables doutros traballos coma Matalobos ou Serramoura, volven contar para A estiba con actores como Luís Iglesia, que dá o salto do narcotraficante Carmelo a Policía Nacional nesta nova aposta da Televisión de Galicia para a vindeira tempada.

 

Noticias web

24/06/2019