CRTVG

Buscar

A Xunta concluirá esta noite o izado da pasarela da intermodal de Santiago

Publicado o 29/09/2020 19:58

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, supervisará na noite deste martes os traballos cos que a Xunta concluirá o izado sobre as vías do tren da pasarela da estación intermodal de Santiago.

Esta infraestrutura, deseñada polo estudo de arquitectura de Juan Herreros, é a clave da intermodalidade do complexo, debido a que conectará a estación de ferrocarril coa nova terminal de autobuses, e supón un investimento de preto de 5,6 millóns de euros que cofinancian a Xunta, o Concello de Santiago e Adif.

Ademais, a pasarela peonil urbana permitirá conectar dúas zonas da cidade de Santiago historicamente separadas polas vías do tren, os barrios do Ensanche e Pontepedriña, garantindo o tránsito dos usuarios entre a rúa Clara Campoamor e a estación de ferrocarril.

As obras de execución da pasarela, asumida pola Administración autonómica, desenvólvense de maneira paralela á construción da nova estación de autobuses, á que a Xunta achega 10,4 millóns de euros. Os traballos, tanto da nova estación de autobuses como da pasarela, seguen avanzando "a bo ritmo", apunta a Xunta, co obxectivo de que poidan estar terminados a finais deste ano.

A estrutura da pasarela está formada por dous partes diferenciadas, a plataforma de formigón e a estrutura metálica porticada. O seu ancho varía entre os 8 e os 12 metros, cunha altura media de 5 metros. No conxunto da infraestrutura distínguense 3 zonas representativas, unha cara á cidade, outra que é zona central sobre vías e plataformas, e a da estación de autobuses.

O izado da estrutura metálica da pasarela que se sitúa sobre as vías do ferrocarril en servizo planificouse para acometer en dúas xornadas, elevando cada día un tramo de 32 metros de lonxitude. Así, na noite do luns colocouse un tramo sobre a pila instalada o venres pasado. Esta noite, pola súa banda, procederase ao izado do treito restante sobre a pila da marxe da rúa do Hórreo, enlazándose coa estrutura posicionada na xornada anterior.

A finalización deste proceso permitirá iniciar nos próximos días as fases finais da obra, coa urbanización da praza que unirá esta infraestrutura coa rúa Clara Campoamor ou a execución do tramo que conecta a pasarela izada coa rúa do Hórreo.

Noticias web

29/09/2020