CRTVG

Buscar

A entrega de máscaras marcou o comezo deste luns

Publicado o 13/04/2020 14:15

A semana empezou en Galicia cun aumento de desprazamentos de persoas cara aos seus postos de emprego e con reparto de máscaras de protección, unha por persoa, durante as dúas primeiras horas. A distribución efectuouse noutros puntos de maior movemento, como estacións de trens e de autobuses, aínda que non se produciu unha afluencia moi grande de persoas en ningún momento.

Do repartimento encargáronse policías, gardas civís e voluntarios de Protección Civil. Neste de Teo estaban tamén os da Policía Local.

"Empezamos ás sete da mañá e estamos a repartir nas saídas do concello cara ás zonas industriais e de empresas cara á Santiago e aos que entran cara ao concelllo. Vai ben. A xente responde ben. Aproveitamos para lembrarlles que as máscaras son dun só uso, non son para ser reutilizables durante moito tempo", relataba Manuel Parga, oficial xefe da Policía Local de Teo.

 Policías e voluntarios engadían así unha nova faceta ás xa diversas e novidosas que están a realizar nas catro semanas que levamos de confirmamento.

"Aquí estamos a repartir máscaras a quen a precise nas paradas de autobús e algún condutor que coa colaboración da policía podemos parar e darlla. Á parte de atender os nosos maiores, o repartimento de alimentos e todo", explicaba Lorenzo Vázquez Rodríguez, voluntario de Protección Civil.

Outras imaxes desta mañá amosan policías nacionais entregando máscaras a usuarios en autobuses urbanos da Coruña. Nun de Santiago vimos que dispoñía dese elemento de protección para que o collese o viaxeiro. E en Lugo captamos esta outra acción de axuda por parte dun policía cunha cidadá.

A volta á actividade en traballos non esenciais como a construción veu acompañada da recomendación de usar máscara cando non é doado manter a distancia de seguridade entre persoas. Está previsto que mañá, entre sete e nove da mañá, haxa outra entrega deste elemento de protección contra o contaxio do coronavirus.

 

Noticias web

13/04/2020