CRTVG

Buscar

A DXT segue sen aplicar de xeito correcto a marxe de erro dos radares

Publicado o 12/08/2020 21:17

A xustiza volve anular as multas por exceso de velocidade. O motivo é que a Dirección Xeral de Tráfico non aplica de xeito correcto a marxe de erro dos radares.

Poñamos un exemplo. Superar en máis de trinta quilómetros hora a velocidade nunha limitación de 120 supón 300 euros de multa e dous puntos do carné. Pero se lle restamos o cinco por cento, o exceso é menor de 30 quilómetros, xa que logo, a infracción é inferior e tamén a multa. Non pasaría de 100 euros, 50 se se fai por pronto pago, e sen retirada de puntos.

Mario Arnaldo, presidente de Automobilistas Europeos Asociados: "Por estar mal aplicada, Tráfico multiplicou o importe da multa. Impuxo unha sanción de 300 euros e ademais restoulle puntos, cando realmente, de acordo coa lei, non tiña porque aplicarlle esa sanción".

Van xa máis dun cento de sentenzas dende o ano 2010. Automobilistas Europeos Asociados calcula en 400 millóns de euros os recadadso pola DXT de xeito irregular. Anima aos afectados a reclamar.

Mario Arnaldo, presidente de Automobilistas Europeos Asociados: "A DXT non cambia de criterio e non está aceptando ata que hai unha sentenza xudicial. É dicir, está obrigando innecesariamente aos condutores a recorrer ante os tribunais para reclamar os seus dereitos".

E mentres a DXT non modifica o procedemento, tanto o Goberno vasco como o Servei Catalá de Tránsit aplican xa a marxe de erro ante as sucesivas anulacións en vía xudicial.

Noticias web

12/08/2020