CRTVG

Buscar

A DXT devolvería multas por non aplicar as marxes de erro dos radares

Publicado o 06/02/2019 21:28

Os tribunais danlle a razón a Automovilistas Europeos Asociados, que foi a entidade que recorreu a multa que lle impuxo a DXT a un condutor, veciño de Pontevedra, por exceso de velocidade. A sentenza, que é do 22 de xaneiro, establece que a multa ten que ser anulada porque non se tiveron en conta as marxes de erro dos radares, que son do 5 % para os fixos e do 7 % para os móbiles.

Con esta resolución xudicial, Tráfico terá que anular ou reducir as multas económicas e devolver os puntos restados a condutores sancionados por superar os límites de velocidade dentro desas porcentaxes de erro. Ademais, quedan fixados os criterios que deben empregarse como punto de referencia para futuros casos coma este que se xulguen en Galicia.

As asociacións de condutores acolleron con satisfacción unha sentenza que, aseguran, vén corrixir os erros na aplicación de sancións mediante radar que levaban anos denunciando. Ademais, aplauden que esta decisión xudicial sirva de precedente a partir de agora en casos similares que se produzan en Galicia.

"É unha sentenza da que estamos satisfeitos porque vén corrixir un erro e unha inxustiza que se viñan producindo na aplicación das multas de radar".

Dende as autoescolas advirten de que esta sentenza e as súas consecuencias non pode levar a que se deixen de respectar os límites de velocidade establecidos e lembran os riscos para condutores e peóns se se superan en zona urbana. Por iso, piden que non se especule con esas marxes de erro dos radares.

"Nunca se debe esquecer que os límites están para evitar accidentes e hai que respectalos sempre, non xogar coas posibles marxes de erro".

Para o temido Pegasus, o helicóptero de vixilancia da Garda Civil de Tráfico, a marxe de erro establécese no 10 %.

 





 

Noticias web

06/02/2019