CRTVG

Buscar

A deste ano é a peor colleita de castaña que se recorda na montaña de Lugo

Publicado o 12/11/2020 20:44

De 200 toneladas nun ano bo a só 6 neste outono. Así de grande foi a caída da colleita de castaña na zona produtora dos Ancares, cunhas perdas económicas que poden chegar aos 295.000 euros. E outro tanto sucedeu no Courel. As xeadas que caeron na primavera pero, sobre todo, os ataques da avespiña do castiñeiro levaron a que a deste ano sexa a peor colleita que se lembra na montaña de Lugo.

José A. Díaz, presidente da cooperativa a Carqueixa: "O prezo é o de menos. O problema é que non as hai e así non cobramos nada. Foi unha colleita malísima. En moitos pobos non houbo nada".

Os técnicos xa están a analizar por que non funcionaron aquí as medidas contra a avespiña que si que foron eficaces no resto de Galicia. Esta zona é onde se produce a famosa castaña de parede que, se ben é bastante pequena, está moi cotizada polo seu sabor doce e a súa resistencia.

"O ano pasado foi algo mellor, pero tampouco boa. Este ano en moitos sitios non se recolleu nada e noutros o pouco que había comeuno o xabaril".

Ademais de ser unha colleita moi escasa, boa parte do pouco que deron os castiñeiros acabaou no bandullo dos xabarís.

Noticias web

12/11/2020