CRTVG

Buscar

A desaparición de Sonia Iglesias, un dos casos máis mediáticos dos últimos anos

Publicado o 20/02/2018 21:19

A pista de Sonia Iglesias pérdese nesa rúa onde ti estás, hai agora algo máis de 7 anos. Foi o 18 de agosto de 2010 nesta rúa Arcebispo Malvar a onde acudiu a un zapateiro antes de entrar a traballar, pero nunca chegou ao seu traballo.A súa ex-parella e pai do seu fillo Julio Araújo dixo que a levou no coche e logo ela marchou andando. Foi o único investigado no caso ainda que o acabaron desimputando por falta de probas. A familia de Sonia sempre mantivo as sospeitas sobre a súa ex-parella. Finalmente o caso arquivouse en abril de 2015.

Sonia Iglesias desaparecía o 18 de agosto de 2010, a plena luz do día. Tiña 37 anos e era nai dun neno que daquela tiña 7 anos. A última persoa que a viu con vida foi un zapateiro do centro de Pontevedra, ao que lle levou uns zapatos para reparar. Era cedo, antes de entrar a traballar á unha e media na tenda do centro pontevedrés. Ía no coche da súa ex-parella, e pai do seu fillo, Julio Araújo. El declarou que ela marchara andando. A carteira de Sonia apareceu tirada ese mesmo 18 de agosto. Tamén apareceu o seu DNI nun lugar próximo ao seu domicilio. A investigación policial realizada pola Brigada Central de Delitos contra as Persoas revelou que Sonia Iglesias non tiña débedas, nin inimigos, nin relacións que fixesen sospeitar nada. Buscárona por terra e por mar pero nunca apareceu ningunha pista.Practicamente desde o comezo, o principal sospeitoso foi precisamente a súa ex-parella, tras as declaracións da familia dela que alertaban de diferenzas entre ambos. Ao parecer Sonia estaba sopesando separarse del. Por riba, o rastro do móbil do home situábano no poboado chabolista do Vao, onde aparecera a carteira de Sonia. Julio Araújo foi finalmente imputado en 2012 pero desimputado tres anos despois por falta de probas. Mantén a custodia do fillo que ten coa desaparecida. 

Os pais e a irmá de Sonia Iglesias levan máis de sete anos sinalándoo como culpable e seguiron organizando todos estes anos mobilizacións para dar con algunha pista que axude nas investigacións e pedindo que non se abandonara o caso. As investigacións chegaron a punto morto e o caso foi finalmente arquivado en abril de 2015.

Noticias web

20/02/2018