CRTVG

Buscar

A deputada Patricia Otero, nova secretaria provincial do PSdeG de Lugo

Publicado o 20/07/2019 22:27
A deputada Patricia Otero, nova secretaria provincial do PSdeG de Lugo

A deputada socialista Patricia Otero resultou elixida este sábado nova secretaria provincial do PSOE en Lugo, tras sumar o 68% dos votos nas primarias que se celebraron ao longo da xornada.   Segundo informou o PSdeG, Otero recibiu o apoio de 786 papeletas dos militantes socialistas da provincia; mentres que o outro candidato, o alcalde de Castroverde, José María Arias, obtivo 367.   Tras coñecerse o resultado da votación, o presidente da xestora do PSOE en Lugo, José Antonio Quiroga, compareceu acompañado dos dous aspirantes neste proceso e da alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, en representación da comisión de ética.   "A militancia falou", dixo Quiroga, que lembrou que o socialista "é un partido democrático" e "das bases". "Os votos da militancia en urna decidiron o futuro do noso partido e, agora, todos iremos detrás da nosa secretaria xeral na provincia", engadiu, tras felicitar aos dous candidatos que concorreron a este proceso.

Ao proceso, que concluirá a próxima semana coa celebración do congreso provincial, concorrían Patricia Otero e José María Arias, quen xa se presentaron con anterioridade ás primarias que gañou Álvaro Santos.  Foi precisamente a dimisión de Álvaro Santos a que levou ao Partido Socialista a activar estas primarias. Santos alegou para esta decisión desavinzas coa executiva galega, que encabeza Gonzalo Caballero, que se materializaron tamén nun conflito pola presidencia da Deputación de Lugo.  Así, mentres Santos apoiaba que o alcalde da Pontenova, Darío Campos, seguise á fronte da deputación; outros sectores do partido apostaban para o posto polo alcalde de Monforte, José Tomé, quen finalmente se fixo co mando da institución provincial.

Noticias web

20/07/2019