CRTVG

Buscar

A defensa de Junqueras pide ao Supremo a súa "inmediata liberación" e a nulidade da sentenza do 'procés'

Publicado o 24/12/2019 12:43

A defensa do ex-vicepresidente da Generalitat Oriol Junqueras solicitou este martes á sala que xulgou a causa do 'procés' independentista no Tribunal Supremo que declare a nulidade da sentenza e ordene a "inmediata liberación" do seu cliente para que poida acudir ao Parlamento Europeo a obter a súa acta de deputado, todo iso como consecuencia de ser recoñecida a súa inmunidade polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE).   

O avogado Andreu Van dean Eynde fai estas peticións nun escrito de 15 páxinas que presenta a requirimento do propio tribunal tras coñecerse o pasado xoves o contido da sentenza do tribunal europeo. Tras recibir todas as alegacións -aínda falta coñecer as da Avogacía do Estado- a sala deberá adoptar unha decisión respecto a a situación persoal de  Junqueras, que cumpre condena firme de 13 anos de cárcere por un delito de sedición.   

No seu escrito, a defensa do líder de ERC esixe á sala presidida por Manuel Marchena que garanta o libre desprazamento de Junqueras ao Parlamento Europeo baixo a prerrogativa de inmunidade establecida no artigo 9.II do Protocolo de Privilexios e Inmunidades da Unión Europea, "dando lugar á súa inmediata liberación".   

Tamén solicita que "tomando en consideración a exclusiva facultade do Parlamento Europeo para levantar a inmunidade dos seus membros e autorizar a tramitación de calquera procedemento penal", se declare en suspenso a tramitación da causa no Tribunal Supremo desde o pasado 13 de xuño -data na que se proclamou oficialmente a Junqueras como candidato electo á Eurocámara- e, en consecuencia, decrete a nulidade da sentenza do 'procés'.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí