CRTVG

Buscar

A declaración do estado de alarma, cada vez máis preto

Publicado o 24/10/2020 10:05

A declaración dun novo estado de alarma en todo o territorio español podería estar máis preto. Varias comunidades autonómas presionan para que o Goberno de Pedro Sánchez tome a decisión e outras xa solicitaron que se faga esa declaración para poder aplicar restricións máis duras no seu territorio.

Onte a medianoite, o presidente de Melilla, Eduardo de Castro, informaba de que pedira a declaración do estado de alarma na cidade autónoma para aplicar o confinamento nocturno, tal como defendera no Consello Interterritorial de Saúde, que aprazou a decisión de decretar o toque de queda nocturno por falta dun acordo sobre o marco legal.

Euskadi dá o paso e pide declarar o estado de alarma

E este venres chegaron as peticións nese sentido, unha tras doutra. O lehendakari, Iñigo Urkullu, pediu formalmente ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a declaración do estado de alarma para a súa aplicación en toda España por un período inicial de 15 días, cuxo mando e xestión quedaría en mans dos presidentes autonómicos de maneira coordinada.

Urkullu compareceu ante os medios de comunicación en Vitoria e xustificou a petición de estado de alarma polo aumento de casos, polas limitacións de actuación do Goberno Vasco desde o punto de vista xurídico para aplicar medidas restritivas e pola "alta probabilidade" de que sexa necesario adoptar en próximas semanas novas medidas máis intensas.

O lehendakari explicou que a súa petición afecta o conxunto do Estado porque hai comunidades limítrofes con Euskadi que están a adoptar outras decisións avaladas polos tribunais desas autonomías e que afectan a mobilidade entre rexións e porque a transmisión comunitaria é en toda España.

"Creo que é necesario que haxa unha declaración de estado de alarma que afecte o conxunto do Estado e que faculte os presidentes das comunidades para a súa xestión", afirmou tras apostar por poñer entre todos "couto" á transmisión do virus.

Dixo que, cando transmitiu esta solicitude a Pedro Sánchez a través dunha comunicación, este respondeu que lle agradecía o envío e que o ía estudar "con preocupación".

Tras Euskadi, Asturias

O Principado de Asturias tamén vai solicitar ao Goberno central a declaración do estado de alarma para restrinxir a mobilidade nocturna da poboación para facer fronte ao avance da segunda onda da pandemia da covid-19.

Asturias sumou onte 323 novos contaxios, cifra que supón un novo récord diario de casos desde o inicio da pandemia nunha xornada en que a taxa de positividade se elevou ata o 6,8 por cento, fronte ao 5,6 por cento do mércores, co que segue por encima do limiar fixado pola OMS para considerar que a expansión da covid se atopa baixo control (5%).

O Goberno do Principado vai decretar a partir de mañá, sábado, o peche perimetral dos núcleos urbanos de Oviedo, Xixón e Avilés, as tres cidades principais asturianas nas que se constatou unha maior incidencia da pandemia e que rexistran unha maior mobilidade, anunciou o presidente autonómico, Adrián Barbón.

Barbón tamén avanzou que se vai a solicitar "unha valoración xurídica previa" ao Tribunal Superior de Xustiza de Asturias para establecer un toque de queda entre as 00:00 e as 6:00 horas, para o que hai "unha decisión política tomada" pero que require dunhas garantías.

Ademais, o Principado de Asturias vai ordenar, tamén a partir de mañá, o peche da actividade comercial ás 22:00 horas e dos locais de hostalería ás 23:00 horas.

Tamén Estremadura

E a continuación foi Estremadura a que anunciou a súa intención de solicitar o estado de alarma para a comunidade. A petición, dixo Guillermo Fernández Vara, presidente estremeño, solicitarase esta mesma tarde ao Goberno central. "Isto non é para confinar, é para limitar a mobilidade", subliñou Vara. "Para seguir tomando decisións necesitamos o amparo do estado de alarma. Creo que é a mellor solución das solucións posibles", dixo.

A Rioxa súmase á petición

A secuencia das peticións continuou coa presidenta do Goberno da Rioxa, Concha Andreu, que solicitou formalmente ao Goberno de España "a declaración do estado de alarma, con mando e xestión do mesmo na Presidencia do Goberno da Rioxa, e ademais de maneira coordinada no conxunto do Estado".

Segundo o último dato consolidado na Comunidade Autónoma da Rioxa, Andreu explicou que "rexistramos o maior número de contaxios por coronavirus desde o inicio da pandemia na rexión: 228 positivos".

O Govern catalán solicita a declaración da alarma

O Govern reuniuse este venres de forma extraordinaria para estudar posibles novas medidas ante os malos datos da covid-19 en Cataluña, e decidiu solicitar a declaración do estado de alarma. 

O Consell Executiu extraordinario estaba convocado para as 18:30 horas e, tras a reunión, haberá unha conferencia de prensa do vicepresidente do Govern, Pere Aragonès, e a conselleira de Presidencia, Meritxell Budó. Cataluña superou por primeira vez os 5.000 novos infectados nun día. E non descarta o toque de queda.

Navarra, Castela-A Mancha e Cantabria

A presidenta navarra, María Chivite, solicitou este venres á tarde ao Goberno que declare o estado de alarma para poder implantar o toque de queda. A Comuidade Foral está confinada perimetralmente, logo de alcanzar unhas cifras de contaxios altísimas.

O presidente de Castela-A Mancha, Emiliano García-Page convocou para este sábado un Consello de Goberno Extraordinario para pedir que se declare o estado de alarma e o toque de queda a nivel nacional.

Cantabria tamén vai solicitar ao Goberno nas próximas horas a declaración do estado de alarma ante o elevado número de contaxios e para que as diferentes medidas que adopten as comunidades autónomas teñan cobertura legal.

Fontes do Executivo cántabro informaron de que a petición lle será trasladada mañá, sábado, ao Goberno central e do seu contido informarase a través dun comunicado que lles será remitido aos medios de comunicación posteriormente.

O Goberno di estar preparado para tomar medidas

A declaración do estado de alarma require da convocatoria dun Consello de ministros, que o pode decretar por un espazo de 15 días sen necesidade de aprobación no Congreso. Os membros do Goberno están advertidos de que en calquera momento se podería convocar unha reunión extraordinaria do Executivo para tomar esta medida. Non obstante o presidente do Goberno está en Roma, onde este sábado se reúne co papa Francisco. Así, fontes da Moncloa, apuntan a que no caso de que o Goberno decrete o estado de alarma podería ser o domingo. 

Esta situación chega a poucas horas de que remate o estado de alarma en Madrid, que anuncia a volta ás áreas de saúde, decreta restricións de mobilidade e horarios e limita xuntanzas. O conselleiro de Sanidade na Comunidade de Madrid concreta que "entre as cero horas e as seis da mañá limitanse as xuntanzas familiares e sociais en espazos públicios e privados, restrinxidas só a conviventes. No resto das horas do día mantense a limitación a un máximo de seis persoas".

Elabora a súa propia folla de ruta mentres o Goberno busca apoios para darlles resposta ás comunidades que lle piden o toque de queda. O ministro de Sanidade mantén que "o instrumento xurídico que lle dá solidez e solvencia é o estado de alarma. Por iso pedimos que haxa un compromiso claro que permita renovar esta medida máis alá de 15 días"


Salvador Illa abriu unha rolda de contactos bilaterais en Castela e León. Para frear a presión hospitalaria, esta comunidade xa pediu o toque de queda. O seu presidente Alfonso Fernández Mañueco di que o quere implementar "esta fin de semana. Se pode ser mañá, mellor que pasado".

Andalucía Valencia buscan un encaixe legal que avale as restricións nocturnas. De doce a seis na Generalitat valenciana. "A nosa proposta é rematar o nove de decembro. Podemos intentar que as festas do Nadal e a campaña que leva asociada de comercios etc. poida ter unha maior viabilidade", explica Ximo Puig.