CRTVG

Buscar

A declaración de Facenda trae novidades en deduccións e límites de tributación

Publicado o 29/03/2019 22:09

O 2 de abril comeza a campaña da declaración da renda. Un imposto que, como cada ano, chega con novidades.

Nesta declaración poderemos deducir máis por gastos en gardería. Será obrigatorio tributar polas bolsas de estudos e polos premios de lotaría superiores aos 10.000 euros. Por primeira vez teremos que declarar os ingresos por alugueiro de vivendas turísticas. E ollo aos que teñan máis dun pagador porque cambian as cantidades a partir das cales están obrigados a declarar.

20 millóns de declaracións de renda se van facer a partir do 1 de maio, das que o 70% sairán a devolver. Este ano, as principais novidades están na suba ata 1.000 euros da deducción por maternidade por gastos en gardería e no ascenso da obriga de declarar en caso de ter máis dun pagador ata os 12.643 euros. Tamén hai cambios na tributación por bolsas de estudos, que serán obrigatorias a partir de 6.000 euros no segundo ciclo universitario e de 21.000 no terceiro. E, no caso de premios de lotarías, só se pagará polos maiores de 10.000 euros cobrados dende o 5 de xullo de 2018 e polos de máis de 2.500 en datas anteriores.

Mellor é asesorarse xa que os datos que constan na axencia tributaria non sempre son os reais e logo pode haber problemas despois de facer a declaración.

Os autónomos poderán deducir as facturas de auga, gas, luz, teléfono ou Internet se traballan na súa vivenda e mesmo algúns gastos en hostalería. Dende Facenda lembran que este ano é obrigatorio incluir as rendas percibidas polo alugueiro de vivendas turísticas. Tamén se poden deducir os plans de pensións pero dependerá das condicións de cada un. En resumo, convén informarse de todas as posibilidades para aforrar na declaración.






 

Noticias web

29/03/2019