CRTVG

Buscar

A crise do coronavirus xera unha caída histórica do 5,2 % na economía española

Publicado o 30/04/2020 16:47

• O consumo dos fogares afúndese un 7,5 %

• Exportacións e importacións baixan un 8,4 %

 

Non hai precedentes dunha caída tan grande da economía española desde que o Instituto Nacional de Estatística comezou a recabara datos nos anos 70. Algúns expertos cren que habería que remontarse á Guerra Civil e a posguerra para atopar unha contracción económica tan forte.

O produto interior bruto caeu un 5,2% no primeiro trimestre do ano e respecto ao mesmo período do ano anterior. E iso que só reflicte os efectos dos primeiros quince días de confinamento coa conseguinte parálise da actividade, a caída do consumo dos fogares, do investimento e das exportacións.

O Goberno di que xa contaba con este escenario.

 "É normal que a parálise da actividade económica para conter a propagación do virus tivera estas consecuencias, e por iso estivemos anticipando xa a necesidade dun plan de reconstrución sabedores de que este era o escenario que iamos atopar", asegurou o ministro Ábalos

O Goberno lembra que as previsións dos organismos internacionais sinalan que a economía mellorará no terceiro trimestre do ano. No conxunto da zona euro a caída trimestral do PIB foi do 3,8%. Como España tamén caeron por riba da media os países máis afectados pola pandemia. Italia un 4,7% e Francia un 5,8%.