CRTVG

Buscar

A crise do coronavirus fai caer o consumo e o prezo da carne de vacún

Publicado o 09/09/2020 18:48

A carne de vacún acumúlase nos matadoiros porque non ten saída comercial. O verán foi moi negativo para o consumo. Sen festas patronais, sen vodas nin banquetes e sen feiras gastronómicas, a demanda de xatos e vacas viuse reducida drasticamente.

Ademais, os prezos que cobran os gandeiros caeron ata en 30 céntimos por quilo debido a que a oferta é superior á demanda. Unha situación moi difícil para as granxas.

César Dorado, da Asociación de Criadores de Rubia Galega explica que "temos máis gastos e cada vez o produto vale menos e as axudas van a menos. Nas granxas hai moita preocupación por ver como saímos disto."

O chamado vacún maior, bois e vacas adultas, mantivo o tipo grazas á exportación e a tratarse de carnes de alto valor engadido, aínda así, o consumo baixou porque se realiza a través sobre todo da hostalería.

As ganderías atópanse con que teñen que seguir mantendo as reses máis tempo do normal porque non atopan comprador ou non conseguen un prezo rendible.

Isaac Mosquera, do matadoiro Montellos conta que "o que ten moitos xatos, que antes sacaba 70 cada semana, agora ten que sacar 40. E iso leva meses arrastrándose e repercute en todo."

Promover o consumo en base á calidade e á exportación son as alternativas para saír dunha crise que non se desbota que obrigue a ter que conxelar boa parte da carne á espera da recuperación.

Noticias web

09/09/2020