CRTVG

Buscar

A crise do coronavirus chega ao sector turístico e xa se nota nas axencias de viaxe

Publicado o 24/02/2020 15:09

Luces e sombras no mundo das viaxes. A dúbida sobre o coronavirus entrou nas axencias.

"Entrou, entrou. A xente que ten viaxes programadas a Italia agora coas últimas noticias está un pouco preocupada. Non saben se ir, non ir, se cancelar", comenta Carlos Jabois dende Karyma Viaxes.

Xa recibiron clientes alertados polas últimas mortes que viñeron preguntar canto custaría cancelar a súa viaxe a Italia.

"Non sabemos o que vai pasar, se se vai pechar ou non. Está a cousa complicada".

Complicada, sobre todo, loxicamente, na China.

"A China deixámola xa de lado, que non hai nin voos", comenta outro axente.

Recoñecen os profesionais certo medo nos clientes, pero aseguran que iso non está a repercutir tanto nas vendas.

"Sorprendentemente estamos recibindo e materializando reservas, non tanto a curto prazo, senón máis a medio e longo prazo. Peticións a Indochina, Indonesia e sueste asiático na liña de anos anteriores", apunta Daniel Márquez, de Catai.

Son datos que falan dunha chamada á calma que comparten moitos viaxeiros.

"Hai que ter certo coidado, pero penso que o peor que podemos facer é poñerse no dramatismo e poñerse no peor".

"Calculamos que en cuestión de mes e medio ou dous meses o tema estará xa solucionado", di Márquez.

Un optimismo pendente de evolución.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/02/2020