A Coruña prepara o dispositivo para evitar problemas de tráfico durante as obras da ronda de Nelle
Co tráfico pechado nos dous sentidos do viaduto da ronda de Nelle, os operarios seguen traballando arreo para desmontar a infraestrutura. Entrementres, debaixo do paso elevado, axentes da Policía Local regulan o tráfico e informan os condutores máis despistados das posibles alternativas.
"Regularon este semáforo e agora hai máis tempo para circular. Atascos polo momento non houbo, si algún despistado que pretende xirar por onde non pode..." "Hoxe e mañá vanse prohibir os xiros á dereita e á esquerda". "E a partir do sábado pechan o tráfico e máis os peóns agás os residentes".
Uns cortes de tráfico que lles crean incerteza aos veciños en canto ao transporte público.
"Eu utilizo o bus que sobe e baixa a avenida de Fisterra e non sei como vai quedar isto...".
En todos os casos, salvo a liña 12, haberá paradas en itinerarios alternativos. Pequenas molestias para os veciños que din que van pagar a pena.
"Os que viven no primeiro teñen o viaduto totalmente pegado aí...".
Os cortes de tráfico no cruzamento da ronda de Nelle coa avenida de Fisterra prolongaranse ata o 5 de marzo, que será cando comece a reurbanización da zona.