CRTVG

Buscar

A Coruña abandona a categoría máxima de alerta e pasa a estar en nivel laranxa

Publicado o 13/11/2020 22:26

• Verín tamén baixa un chanzo e pasa a estar en nivel amarelo

A Coruña deixou de figurar no nivel máximo de alerta por contaxios de covid-19 acumulados no últimos sete días no mapa de cores do Servizo Galego de Saúde e pasa ao estadio 2, que establece unha incidencia de entre 138 e 276 novos casos contabilizados nunha semana.

Antes que A Coruña saíran do nivel vermello Ourense e Santiago de Compostela, para os que, en función da súa poboación, se establecen senllos rangos entre 60 e 120 casos confirmados por PCR, e entre 56 e 112, para permanecer en nivel 2 de alerta.

Así pois, das sete cidades, para as que desde hai unha semana se decretou un peche perimetral e a clausura da hostalería, ademais doutros 58 municipios, só permanecen en nivel vermello de alerta Vigo, Pontevedra, Lugo e Ferrol.

Verín pasa a nivel amarelo

Outro concello que tamén deixou atrás os niveis altos de alerta é o de Verín. A vila ourensá pasa a estar no nivel amarelo, na incidencia a sete días, e laranxa na incidencia a 14 días, tras máis dun mes de restricións, e onde incluso os propios locais de hostalería tomaron a decisión de pechar antes de que as autoridades tomase a decisión de clausurar a súa actividade.

En total hai 37 municipios en alerta vermella pola incidencia acumulada de contaxios no últimos sete días, dous menos ca onte.