A contaminación impedirá a pesca nesta tempada nos últimos 8 km do río Furelos en Melide
O regato Reboredo únese aquí ao río Furelos. A ese regato foi onde chegaron as verteduras de varias empresas do polígono da Madalena, en Melide que provocaron unha alta mortalidade de troitas no mes de xullo. A pesar do expediente sancionador aberto, en decembro volvéronse producir verteduras, o que levou a Consellería de Medio Ambiente á decisión de prohibir a pesca nun tramo de oito quilómetros, desde este punto ata a desembocadura do Furelos no Ulla. Desde a asociación de pescadores da zona, Luís Frade di que agora mesmo as augas non teñen nada que ver como como estaban hai uns meses.
"Viñas pescar e atopabas sangue, plumas e un cheiro que daba vergonza", explica.
Os pescadores piden que se constrúa unha depuradora que dea servizo ás empresas do polígono e quéixanse de que nin sequera lles deixen practicar a pesca sen morte noutro tramo de río anterior á vertedura. Ademais cren que non hai suficiente vixilancia.
"Hai moitos máis vixilantes en Asturias ou León; aquí velos de cando en vez pero non é suficiente; e levamos dous anos pedindo que nos deixen pescar sen morte máis arriba".
Os expedientes abertos a unha industria láctea, un matadoiro e unha empresa de transporte están agora en suspenso tras iniciarse un procedemento xudicial. Desde Medio Ambiente aseguran que os axentes ambientais visitan periodicamente a zona. Pero nesta tempada fluvial, que comeza o 15 de marzo, este tramo do Furelos quedará fóra das zonas de pesca.