CRTVG

Buscar

Madrid defende a eficacia da súa estratexia e rexeita a imposición do Goberno

Publicado o 28/09/2020 22:43

O desencontro entre o Goberno Central e a Comunidade de Madrid repetiuse tras a reunión deste luns. O ministro Salvador Illa asegura que a situación na rexión é moi grave. Ten o 40% dos casos de coronavirus de España e o dobre de taxa de positivos. Considera insuficientes as medidas adoptadas pola comunidade para conter a pandemia e pídelle a Isabel Díaz Ayuso que se deixe axudar.

"Non é unha batalla ideolóxica. É unha batalla epidemiolóxica para derrotar un virus. Veñen semanas moi duras e complicadas en que hai que actuar con determinación. E se non o facemos haberá que tomar decisións aínda máis duras", asegurou o ministro de Sanidade.

"A Comunidade de Madrid nunca pensou nesta situación como unha batalla ideolóxica. Esta pandemia mídese principalmente pola resposta asistencial que se lle poida dar e non só polo número de contaxios como está facendo o Ministerio de Sanidade", respondeu o conselleiro madrileño de Sanidade.

A comunidade de Madrid rexeita as imposicións do Goberno e defende a súa estratexia anticovid. Din que as restricións en 45 distritos sanitarios xa están dando resultados e que baixou a presión asistencial nos hospitais madrileños.

O Ministerio defende que se apliquen controis de mobilidade en todos os concellos que teñan maís de 500 casos por cada 100.000 habitantes.

 

Noticias web

28/09/2020