CRTVG

Buscar

A compra de vivendas no rural galego esperta o interese de moitos estranxeiros

Publicado o 27/11/2020 16:22

As vivendas do rural galego teñen unha alta demanda por parte de estranxeiros. Entre os principais clientes están os británicos. Non os para o brexit e a pandemia disparou aínda máis o seu interese por unha vida tranquila e afastada das cidades.

"Son escocesa. Hai 30 anos fixen o Camiño de Santiago e encantoume Galicia", explica Linsay Stevenson, unha escocesa afincada en Guitiriz.

Linsay relata como coñeceu Galicia e se namorou dela. Apostou por volver cando se xubilara e agora é unha veciña máis do concello lugués de Guitiriz.

"Teño veciños marabillosos. Dinme 'benvida, se necesitas algo a miña casa está aquí para ti'", di Linsay Stevenson.

A súa historia é semellante á de moitos outros británicos que buscan casa en Galicia. A demanda de vivendas está en auxe tamén por parte mozos que queren montar aquí a súa familia e negocios. Sábeo ben Mark, que chegou hai xa máis de 40 anos.

"En xuño e xullo houbo máis visitantes en Galicia que en Baleares e Canarias xuntos. Iso di moito de como está cambiando a visión da xente de Galicia. A acollida da xente é moi boa. Os galegos son moi simpáticos e non importa a cor, o credo, a raza nin o que pensan", di Mark Adkinson.

Británicos e doutras partes do mundo supoñen o 70% dos clientes desta inmobiliaria de propiedades rurais á que chegan atraídos por un estilo de vida tranquilo e rodeado de natureza.

"O que me din cando veñen é que queren ter horta e boas vistas. Sorpréndense cando lles digo que a maioría das casas teñen mananciais de auga naturais. Hai mesmo xente que foi vivir ao sur de España e que agora vén para Galicia", conta Rosa María Costoya, directora dunha axencia inmobiliaria.

Galicia xa estaba en auxe, pero ademais a pandemia disparou o interese de moitos por deixar cidades e trasladarse ao rural.

Noticias web

27/11/2020