CRTVG

Buscar

A colleita de lúpulo volve repuntar na comarca das Mariñas de Betanzos

Publicado o 01/09/2020 16:41

Xa comezou a colleita do lúpulo, unha das materias primas esenciais para a elaboración da cervexa. Hai 70 anos o lúpulo ocupaba centos de hectáreas na comarca das Mariñas de Betanzos, pero foi esmorecendo. Agora a demanda dunha empresa cervexeira está a propiciar a súa recuperación.

Esta pequena parcela do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo foi a primeira onde se recuperou o cultivo do lúpulo en Galicia cando en 2006 Hijos de Rivera celebrou o seu centenario. Desde aquela os bos resultados e o interese por probar novas variedades propiciou a plantación de máis de dúas hectareas neste centro.

Setembro é o mes da colleita desta planta rubideira que supera os seis metros de altura, e da que se aproveitan soamente os conos florais, dos que se obtén un ingrediente esencial para a elaboración da cervexa.

Juan Valladares, investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo. "O rendemento óptimo, buscamos un quilo de cono floral seco, entre o 7 e o 10 por cento, por planta, un quilo. Para que nos fagamos unha idea, un quilo de cono floral seco aos maestros cervexeiros, cando van facer cervexa, lles dá aproximadamente para mil litros de cervexa"

Unha vez colleitada a planta aquí faise todo o proceso de transformación: Emilio Corral. responsable de produción e transformación de LUTEGA"Cando o cono floral alcanza o 80 por cento de humidade é o momento da colleita. Detrás de min neste momento o que se está producindo é o pelado da trepa. Unha vez que se colle a trepa, pélase, sepárase o cono, ese cono é o que se vai a secar, para obter as caracerísticas para a cervexa ou o uso que se lle dea e aí está entrando ao 80 por cento de humidade. Para conservalo, do secadeiro ten que saír en torno ao 10 por cento de humedade" 

Despois móese, compáctase en pellets e é envasado ao baleiro camiño da industria cervexeira. Ao abeiro desta primeira plantación de Mabegono xa xurdiron outras iniciativas particulares na comarca das Mariñas coruñesas, que agrupadas na cooperativa LUTEGA xuntan xa 15 hectáreas de plantacións.

Noticias web

01/09/2020