CRTVG

Buscar

A cifra diaria de falecidos descende ata os 683, pero España supera xa os 15.000 mortos

Publicado o 09/04/2020 11:36

Nas últimas 24 horas en España faleceron 683 personas en España a causa do coronavirus. Son 74 menos que na xornada anterior, en que se contabilizaran 757 defuncións, segundo datos do Ministerio de Sanidade. 

A noticia do descenso diario de falecementos vai acompañada doutra: España supera xa os 15.000 mortos a causa da COVID-19, en total son xa 15.238.

Nesta última xornada tamén descendeu o número de novos contaxiados. A esa estatística sumáronse 5.756 casos, fronte aos 6.180 da xornada anterior.

Esa ralentización de novos casos tamén vai acompañada dun descenso nas altas. No último día foron 4.144 os pacientes recuperados, fronte aos que 4.813 de onte. En total, desde que a pandemia se estendeu por España 52.165 persoas superaron a enfermidade.

O Ministerio de Sanidade tampouco ofrece hoxe o reconto de pacientes ingresados nas UCI, á espera de que as comunidades notifiquen as cifras acumuladas dos mesmos. De acordo co cómputo máis recente, correspondente ao martes, 7.069 enfermos precisaban de coidados intensivos; pero o departamento que dirixe Salvador Illa alertou en varias ocasións das distintas formas de notificar os datos por parte das autonomías, así que non dará a suma total ata que todas opten por este sistema.

Rómpense así dous días encadeados de lixeira repunta, que os responsables técnicos do Ministerio de Sanidade achacaron ao reaxuste de datos da fin de semana. De feito, o incremento porcentual da cifra de falecidos en 24 horas (4,69 %) é o máis baixo rexistrado ata a data.

O novo balance segue colocando a España como o segundo país do mundo, por detrás de Estados Unidos, en número de contaxios; os 5.756 enfermos novos elevan a un 3,9 % a subida, medio punto menos que onte, cando foi do 4,39 %. Trátase do segundo aumento máis baixo rexistrado ata a data, que foi o luns 6 cun 3,26 %.

Isto demostra, segundo a xefa de área do Centro de Coordinación de Emerxencias e Alertas Sanitarias, María José Sierra, que "continuamos cunha tendencia descendente". "As distintas análises fannos ver que a velocidade de propagación está a diminuír, e isto é en xeral en todas as comunidades", celebrou na conferencia de prensa posterior ao Comité Técnico de Seguimento do Coronavirus.

Por comunidades, Madrid ségueas encabezando con 43.877 contaxiados, 5.800 falecidos e 21.121 curados, e continúa en segundo lugar Cataluña, onde este xoves son 31.043 os casos confirmados, 3.148 os mortos e 13.063 as persoas curadas.

A dúas Castelas tamén acumulan os maiores números de casos en terceiro e cuarto lugar: en Castela-A Mancha hai 12.489 contaxiados, 1.322 falecidos e 1.766 persoas que lograron curar; mentres que en Castela e León son 10.518 os casos confirmados, 1.082 os mortos e 3.242 os curados.

O País Vasco é a quinta comunidade en número de contaxios, con 9.806, ademais faleceron 689 persoas e 4.514 persoas conseguiron curar.

O virus frea paulatinamente o seu avance

Dicíao este mediodía o comité técnico que xestiona a crise. O coronavirus comeza frear o seu avance. E neste punto o Goberno xa traballa na volta a esa nova normalidade obrigada polo virus. Por iso, o Executivo centra xa os seus esforzos nese estudo de seroprevalencia que vai permitir coñecer o grao de expansión do virus e que servirá de base para ir fixando as medidas de desconfinamento. Un proceso inédito para todos e que hoxe dende o comité técnico recoñecían non será doado.

Polo de pronto, o luns xa volven ao traballo todos aqueles que se dediquen a actividades non esenciais que non estean prohibidas no real decreto do estado de alarma e que non poidan teletraballar. E neste sentido, o comité técnico fixo un chamamento á tranquilidade, asegurando que este reinicio da actividade económica estará moi controlado e vixiado.